Unanimidade no Congreso para apoiar unha declaración institucional a favor da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A iniciativa, impulsada polo PP, busca “proxectar un dos patrimonios culturais e paisaxísticos máis relevantes do país”
Ribeira Sacra
30 Apr 2026

O Congreso dos Deputados deu o seu apoio unánime a unha declaración institucional impulsada polo PPdeG co obxectivo de reforzar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da UNESCO.

O deputado lucense e portavoz de Industria e Turismo do Grupo Popular, Francisco Conde, destacou o acordo acadado entre todas as forzas políticas, que cualificou como un exemplo de “forte compromiso” coa promoción deste territorio galego no ámbito internacional.

Segundo explicou, a iniciativa busca dar visibilidade a un espazo que considera “un dos patrimonios culturais e paisaxísticos máis relevantes do país”, ao tempo que reafirma a candidatura baixo a denominación “Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga”.

A proposta aprobada pon o foco nos valores naturais e históricos da zona, definida como un enclave que “ilustra a xénese e evolución dun territorio esculpido pola auga e paradigma dunha cultura hídrica”. Tamén se destaca a súa relación coa tradición eremítica e monástica, un dos sinais de identidade da comarca.

Entre os elementos máis salientables da Ribeira Sacra, o texto menciona o seu patrimonio biocultural, as formas tradicionais de ocupación do territorio, os sistemas agrícolas históricos, así como a riqueza do patrimonio hidráulico e a singularidade dos seus canóns e vales fluviais.

Para o representante popular, este respaldo institucional supón un avance no camiño cara ao recoñecemento da UNESCO e reforza a aposta conxunta por preservar e difundir este enclave único de Galicia.

0.13814902305603