Últimos días para inscribirse na segunda edición da "Noite de Estrelas" solidaria de Quiroga

O prazo para participar na segunda edición da "Noite de Estrelas" entra na súa recta final. A andaina nocturna solidaria, organizada dentro das Festas de Verán de Quiroga 2026 en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro, celebrarase o vindeiro 6 de agosto e destinará toda a recadación a esta entidade.
Tras a boa acollida da primeira edición, na que participaron arredor de 350 persoas, a cita regresa este verán mantendo o formato de andaina nocturna, aínda que nesta ocasión estará centrada exclusivamente na modalidade de sendeirismo.
Como principal novidade, os participantes poderán elixir entre dous percorridos: un de 4 quilómetros e outro de 8 quilómetros. A saída terá lugar na Praza Rúa Lago, desde onde os asistentes se dirixirán cara ao Paseo Fluvial. A ruta curta finalizará tras cruzar a ponte de Villaverde, mentres que o percorrido longo continuará ata Ribeira de Abaixo e San Xulián de Arriba e de Abaixo antes de regresar ao punto de saída.
As inscricións permanecerán abertas ata o 5 de agosto na recepción do Concello de Quiroga, en horario de 9.00 a 14.00 horas. O prezo da inscrición é de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para menores de 16 anos.
Ademais, quen non se inscribise previamente poderá facelo o mesmo día da proba, entre as 21.00 e as 22.00 horas, na Praza Rúa Lago, diante da Botica, antes do inicio da andaina.