A Pobra de Trives bate récord de participación no campamento de verán pese a quedar sen apoio do Plan Corresponsables

O campamento de verán da Pobra de Trives supera este ano os 120 nenos e nenas inscritos, unha cifra récord que, segundo o Concello, confirma a importancia deste servizo para facilitar a conciliación das familias.
Precisamente no exercicio de maior demanda, o proxecto presentado polo Concello ao Plan Corresponsables quedou sen financiamento, a pesar de cumprir os requisitos establecidos, ser subvencionable e obter unha valoración favorable. Ante esta situación, o Concello decidiu manter o campamento con fondos municipais para evitar que as familias tivesen que asumir as consecuencias da falta de axuda.
O Goberno municipal cuestiona a decisión da Xunta e lembra que o 75 % dos fondos do Plan Corresponsables procede do Goberno central, mentres que a Administración autonómica achega o 25 % restante. Por este motivo, reclama explicacións sobre a falta de ampliación do crédito para atender proxectos que cumpren os requisitos e responden a necesidades reais das familias.
“Se hai proxectos subvencionables e existe a posibilidade de ampliar o crédito, por que a Xunta non o fai? E cales son as súas prioridades en materia de infancia, familias e conciliación?”, pregunta o Concello.
A alcaldesa solicitou unha reunión coa conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pero asegura que non recibiu resposta nin foi recibida. Ante esta situación, trasladou a reclamación á Executiva da FEGAMP, onde os representantes do PP, PSOE e BNG acordaron por unanimidade requirir á conselleira a adopción de medidas que permitan ampliar o crédito destinado ao programa.
O Concello destaca ademais o papel da Pobra de Trives como capital comarcal e referente educativo, xa que durante dez meses ao ano acolle nenos e nenas procedentes de varios concellos da contorna.
Desde o Goberno municipal consideran que a planificación destes servizos debe realizarse con antelación para permitir ás familias e aos propios concellos organizarse. “Un gasto que pode comezar en outubro non pode resolverse meses despois. As familias necesitan planificación e os concellos necesitan saber con tempo cos recursos que poden contar”, sinalan.
Mentres reclama unha resposta da Xunta, o Concello continuará mantendo o campamento con fondos propios. A Administración local insiste en que a elevada participación evidencia a necesidade do servizo e reclama á Xunta que amplíe o crédito do Plan Corresponsables.
“Hai máis de 120 familias que demostraron que o servizo é necesario. Hai un acordo unánime da FEGAMP. Agora a Xunta debe responder”, conclúe o Concello.