Tomé entrega os atributos de Fillo Adoptivo ao Conde de Lemos

RibeiraSacraXa
A viaxe oficial do Conde de Lemos a Monforte tamén incluíu a visita ao Museo de Arte Sacro e Arte Italiana das Clarisas, o Colexio dos Escolapios e o Casco histórico de Monforte
visita-conde-de-lemos-monforte
Visita Conde de Lemos
30 Xuño 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, en Pleno Extraordinario da Corporación municipal en Sesión Solemne celebrado hoxe, fixo entrega dos Atributos do Nomeamento de Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos a Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, XIX Duque de Alba e XXIII Conde de Lemos.

Este acto solemne e histórico tivo lugar no transcurso da Visita Oficial que o XIX Duque de Alba e XXIII Conde de Lemos está a facer a Monforte entre o 28 e o 30 de xuño de 2024.

O Conde de Lemos, chegou en AVE a Ourense, onde foi recollido e trasladado ó Parador de Turismo de Monforte.

Foi recibido oficialmente na Casa do Concello de Monforte polo alcalde e polos membros da Corporación municipal. Tamén estivo presente a interventora accidental, María Buján, e o secretario municipal, José Antonio Mourelle. O acto ademais contou coa presencia da historiadora monfortina Manuela Sáez.

Tras a sinatura no Libro de Honra do Concello por parte do tamén Duque de Alba, e tras manter unha breve reunión privada co alcalde, celebrouse, ás 11:30 h o Pleno Extraordinario da Corporación en sesión solemne, que foi público, durante o que se lle fixo entrega dos Atributos do Nomeamento de Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos a Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo. O salón encheuse de público.

Os atributos que lle foron entregados ao Conde de Lemos por parte do alcalde da cidade consistiron no Certificado do acordo do Pleno de Nomeamento como Fillo Adoptivo, un Diploma acreditativo, a Insignia Oficial do Concello e a Medalla Oficial conmemorativa do Concello.

Rematado o Pleno, ás 12:30 h, realizouse unha visita ó Museo das Clarisas, de Arte Sacro e Arte Italiano dos séculos XVI e XVII, onde o Conde de Lemos asinou no Libro de Ouro do Convento das Nais Clarisas.

Ás 14:00 h celebrouse o xantar no Parador de Turismo de Monforte. Xa pola tarde, ás 18:00 horas tivo lugar a visita ao colexio da Nosa Señora da Antiga-Escolapios, onde asinou no Libro de Ouro da entidade, para despois dar un pequeno paseo polo Casco histórico de Monforte.

O domingo 30 de xuño, o Duque e os seus acompañantes desprazaranse ata Lugo para levar a cabo, as 10:30 horas a visita oficial á Deputación Provincial de Lugo. Nela, será recibido polo presidente no despacho presidencial, asinará no Libro de Honra na sala de xuntas de Presidencia e realizará unha visita polo pazo provincial.

Ás 11:30 h. está prevista a saída para Monforte e ás 12:30 horas terá lugar unha visita á Adega Algueira, na que coñecerán o proceso de elaboración do viño, participarán nunha cata demostración, seguida dun ágape.

Finalmente, ás 13:30 horas, rematará a visita oficial do Conde de Lemos e Duque de Alba, que sairá para Ourense para coller o AVE.

Visita histórica para Monforte do Conde de Lemos

O alcalde resaltou que “sen dúbida, esta é unha visita moi importante para Monforte, pola relación histórica da Casa de Alba con Monforte, como herdeiros dos Condes de Lemos, condado do que son titulares na actualidade, xa que o actual Duque é o XXIII Conde de Lemos e o XIX Duque de Alba”.

Engadiu José Tomé que “tampouco teño dúbidas da importante promoción e proxección que vai supoñer para Monforte, co conseguinte beneficio que terá cara o futuro para o comercio, a hostalería e o turismo en xeral”.

E expresou o seu convencemento de que “os monfortinos e as monfortinas van acoller esta visita con moito cariño e que tamén van participar como público no Pleno do Concello e tamén na visita polas rúas do casco vello de Monforte.”

0.18295907974243