Tomé cualifica os orzamentos da Xunta de "repetitivos, decepcionantes e afastados das necesidades reais"

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Afirmou que mostran "unha xestión estancada, sen innovación e carente de ideas" para afrontar os retos urxentes en sanidade, educación, infraestrutura e revitalización do rural
presentacion-orzamentos-psoe-provincia-lugo-tome-alvarellos
30 Out 2024

O secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, compareceu este martes pola tarde xunto coa Secretaria de Organización do PSdeG na provincia, Pilar García Porto, e a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, para expresar o descontento do partido ante os orzamentos da Xunta de Galicia para 2025 para a provincia de Lugo.

Tomé Roca afirmou que os orzamentos son "repetitivos, decepcionantes e afastados das necesidades reais da nosa provincia", ao mesmo tempo que denunciou que parecen "responder aos intereses do Partido Popular e de Alfonso Rueda, pero non ás prioridades e demandas da veciñanza de Lugo". Na súa intervención, sinalou que estes orzamentos mostran "unha xestión estancada, sen innovación e carente de ideas" para afrontar os retos urxentes en sanidade, educación, infraestrutura e revitalización do rural.

Pola súa banda, a Alcaldesa apuntou que no seu Concello hai moitos exemplos de infraestruturas que non se executan, como a Ronda Leste ou Plan Paradai, pero hai moitas partidas que “non son concretos, a Xunta vai desmiuzando segundo o interese informativo nos medios de comunicación, pero sen poñer nomes e apelidos”. Tamén bota en falta o Museo da Romanización, “hai un compromiso incumprido por parte da Xunta de Galicia, nós dende o Concello cumprimos, polo que hai unha falta de palabra constante e permanente”. O mesmo aconteceu coa rexeneración cos barrios da Milagrosa e Padre Feijóo, “sen partidas, como pasa con proxectos programados como o saneamento de Esperante, que a Xunta dixo que poñía o 70% e o Concello o 30%, pero só vemos 50.000 euros, insuficiente”, afirmou.

En canto ás infraestruturas, Tomé Roca destacou a paralización crónica de múltiples infraestruturas clave para a provincia de Lugo, proxectos que aparecen ano tras ano nos orzamentos sen que haxa avances reais e cuxo estancamento afecta gravemente ao desenvolvemento da provincia. Entre eles, mencionou a Ronda Leste de Lugo, que leva anos orzamentada sen que se teña construído “nin un só metro de obra”, a pesar dos 5 millóns de euros incluídos para 2025, un importe que, segundo Tomé, “sabemos que non se gastará, pois aínda faltan trámites esenciais como o estudo de impacto ambiental e o proxecto construtivo.”

Outra das infraestruturas que cualificou de "eternamente prometidas" é o acceso ao Porto Seco de Monforte de Lemos, para o que se destinan, unha vez máis, 500.000 euros simbólicos que, segundo o Secretario Xeral, "nunca chegan a executarse e mantéñense no papel como outra promesa sen cumprir". Tamén criticou o estancamento da VAC Costa Norte, o corredor Nadela-Monforte, e o Plan Paradai, proxectos repetidamente incluídos nos orzamentos pero que non avanzan.

En relación coas estradas, Tomé Roca resaltou a situación da LU-651, que conecta Quiroga con Seoane do Courel, onde a Xunta asigna os mesmos 3 millóns de euros que o ano pasado sen que se teñan iniciado as obras, que, segundo el, "foron postergadas un ano máis, converténdose noutra decepción para a provincia".

Por último, mencionou a partida de 6,1 millóns de euros para a Estación Intermodal de Lugo, a cal se presenta como o "gran logro do Partido Popular", pero que, segundo Tomé, "non deixa de ser un deber pendente, dado o esforzo histórico do Goberno do Estado para traer a Alta Velocidade a Lugo”. Subliñou tamén que este impulso responde ao traballo dos socialistas, “que rescatamos esta obra do abandono no que a deixara o Goberno de Rajoy".

Denunciou que estas infraestruturas, que poderían ter un impacto transformador para a provincia, continúan sen execución, convertendo os orzamentos da Xunta en "unha lista de promesas incumpridas que frean directamente as oportunidades de crecemento económico e social de Lugo".

Tomé Roca tamén criticou a falta de equidade no reparto dos recursos, recordando que só un 36% dos concellos de Lugo recibirán atención orzamentaria, o que, segundo el, "non responde ás necesidades reais da provincia, senón a un uso partidista dos recursos públicos".

A alcaldesa botou en falta as conexións do polígono das Gándaras coa autovía A-6, “ten que metelo o presidente da Xunta no Plan Sectorial para que o Concello poida facer a modificación do PXOM e nada vemos nese sentido”. Así mesmo, sobre este asunto, fíxose eco da escola infantil que reivindicaban os empresarios dos polígonos do Ceao e as Gándaras “que non aparecen nos Orzamentos para o vindeiro ano, tal e como eu mesma falara con Rueda nun encontro de traballo que tivemos”.

Sanidade e servizos sociais

O secretario Xeral tamén alertou da escaseza de investimento en sanidade e servizos sociais, onde lamenta que o gasto de persoal sexa considerado "investimento". Mentres tanto, a realidade nos centros de saúde é de "escaseza de médicos, listas de espera interminables e falta de pediatras e especialistas". En canto á atención ás persoas maiores, denunciou que a Xunta non abriu ningunha residencia pública en Lugo en quince anos, mentres que a Deputación de Lugo leva inauguradas seis en catro anos, e conta cunha rede de 9 centros en funcionamento.

Alvarellos tamén puxo o foco nas competencias impropias que asumen os Concellos, como o caso do Servizo de Axuda no Fogar, onde a Xunta debería implicarse máis, dixo. “Eu invítovos e vós pagades e os Concellos estámolo pasando realmente mal, non asumen as competencias”, afirmou.

O PSdeG tamén expresou preocupación pola falta de investimento en vivenda pública e pola situación precaria do sistema educativo, onde o agrupamento de alumnos e alumnas en centros rurais está afectando gravemente a calidade educativa. A pesar das necesidades, segundo Tomé Roca, “a Xunta soamente inviste en vivenda pública obrigada polos fondos europeos, non por convicción”.

Reunión con Rueda

Na súa intervención, José Tomé Roca referiuse á recente reunión que mantivo co Presidente da Xunta de Galicia, onde abordaron cuestións urxentes para a provincia de Lugo. Segundo explicou, o presidente comprometeuse a avanzar en proxectos clave, como a autovía Nadela-Monforte, o Plan Industrial para Galicia ou a devolución aos concellos do 50% do canon da auga para obras de saneamento e abastecemento. Non obstante, estes compromisos non se reflicten nos orzamentos para 2025, deixando a Lugo sen os investimentos prometidos e adiando unha vez máis actuacións esenciais para o seu desenvolvemento e o benestar da súa veciñanza.

Tomé Roca pediu "orzamentos que respondan ás necesidades reais da nosa provincia, melloren as infraestruturas, fortalezan os servizos públicos e aposten polo benestar da nosa xente". O PSdeG comprométese a seguir traballando por uns orzamentos máis xustos e eficaces para Lugo e Galicia enteira.

0.1934118270874