Tomé anima á delegación de monfortinos que participará nos Xogos do Eixo Atlántico de Santiago

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, despediu hoxe aos 68 deportistas que conforman da representación monfortina nos XVI Xogos do Eixo Atlántico que se celebran en Santiago de Compostela entre o 5 e o 10 de xullo.
Este evento, que se organiza cunha periodicidade bianual, está dirixido fundamentalmente á promoción do deporte e á convivencia entre xóvenes dos Concellos e Cámaras Municipais que forman parte do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, entre eles o de Monforte de Lemos. Trátase dun evento transfronteirizo, único en Europa, que se ven realizando dende o ano 1995 e que contará nesta décimo sexta edición cunha participación de mais de 2.300 atletas.
O Alcalde despediu á delegación monfortina que partiu desde a Praza da Compañía e acudirá, xunto co Concelleiro de Deportes, esta tarde a Santiago para asistir á cerimonia de inauguración oficial dos Xogos. Antes da súa partida, o rexedor felicitou aos deportistas e ao corpo técnico pola súa participación nestes Xogos e animounos a desfrutar destas xornadas de deporte e convivencia. “Estou convencido de que o farán coa ilusión e coa ambición de acadar o mellor dos resultados”, indicou.
José Tomé manifestou o seu desexo de que “esta 16ª edición dos Xogos do Eixo sexa todo un éxito e que os centos de mozos e mozas de Galicia e o Norte de Portugal, e por suposto de Monforte, que compiten, o fagan dende os valores do deporte, do o esforzo e do compañeirismo”.
A representación monfortina participará en 4 modalidades deportivas, voleibol masculino e feminino, baloncesto masculino, e atletismo e natación masculino e feminino.
Son os clubs e entidades deportivas do Concello de Monforte os que nutren de deportistas cada un dos equipos; así o Club de Atletismo A Gándara e o Club Natación Monforte encárganse de facer a selección de atletas para as modalidades de atletismo e natación respectivamente, o Club Korbis e o Club de Voleibol Ribeira Sacra aportan deportistas para as seleccións de voleibol, e o C.B. Val de Lemos encárgase da selección de baloncesto.
En canto á organización da competición, esta terá lugar entre o domingo 5 e o venres 10 de xullo. As modalidades individuais de atletismo e natación celebraranse o luns 6 de xullo, e as modalidades de voleibol e baloncesto celebrarán a fase de grupos entre o luns 6 e o mércores 8, e os cruces e fases finais entre o xoves 9 e o venres 10. A cerimonia de apertura dos xogos terá lugar este domingo 5 a partir das 18:30 no Estadio Verónica Boquete de Santiago, coa presenza do Alcalde, José Tomé.
Na última reunión do Grupo Temático de Deportes celebrada o pasado 22 de xuño, tivo lugar o sorteo de grupos de cada unha das modalidades deportivas de equipos. Así na modalidade de voleibol masculino o Concello de Monforte queda encadrado no grupo B, xunto coas seleccións de Ourense, Maia e Barcelos.
Na modalidade de voleibol feminino o Concello de Monforte queda encadrado no grupo E xunto coas seleccións de Vila Nova de Gaia, Peso da Régoa e Matosinhos e na modalidade de baloncesto masculino o Concello de Monforte competirá no grupo B contra O Barco de Valdeorras, Maia, Fafe e Guimaraes.
Tanto a cerimonia de inauguración como as competicións están abertas ao público polo que calquera persoa que o desexe pode achegarse a Santiago a presenciar o evento. Toda a información da competición, incluídos os calendarios de competición, está dispoñible na páxina oficial dos Xogos do Eixo 2026: www.xogosdoeixoatlantico2026.com