Taboada reforza a sinalización do Monte do San Cristovo para impulsar o seu uso deportivo e ambiental

O Concello de Taboada reforzou a sinalización do Monte do San Cristovo coa instalación de dous paneis informativos destinados a dar a coñecer os valores ambientais, históricos e deportivos deste espazo situado ao norte do municipio, nas parroquias de Meixonfrío e A Torre.
O tenente de alcalde, José Portela, comprobou nas últimas semanas a colocación dos novos elementos. Un dos paneis está situado no acceso ao monte desde a N-540, no alto do Torrón, mentres que o segundo se localiza xunto ao sector de escalada Pena de Núñez.
A intervención complétase con elementos de sinalización vertical que permitirán orientar as persoas visitantes e facilitar especialmente a chegada ao sector de escalada. O Concello pretende así favorecer o coñecemento e a visita a diferentes puntos de interese do Monte do San Cristovo.
Os traballos contaron co financiamento do GDR Miño Ulla e súmanse a outras actuacións desenvolvidas nos últimos anos para potenciar o aproveitamento deportivo da zona. Desde 2020, coa colaboración do Concello e do GDR, a Asociación Cultural O Carballo impulsou a instalación de vías para escalada deportiva, configurando un dos espazos de referencia para esta práctica na provincia de Lugo.
A zona mantén ademais unha afluencia constante de persoas interesadas na escalada, segundo sinala o Concello, que considera necesario continuar mellorando os recursos e a información dispoñible para quen se achega ata este enclave.
Os novos paneis buscan, ao mesmo tempo, poñer en valor o patrimonio histórico e ambiental do Monte do San Cristovo e favorecer o coñecemento dunha elevación que forma parte do territorio das parroquias de Meixonfrío e A Torre.