Taboada organizará unha xornada divulgativa para seguir a eclipse solar do 12 de agosto desde o Castro de Castelo

RibeiraSacraXa
O programa incluirá unha charla sobre astronomía e protección ocular, ademais da observación do fenómeno con lentes homologadas facilitadas polo Concello
taboada-xornada-eclipse
5 Aug 2026

O Concello de Taboada celebrará o vindeiro 12 de agosto unha actividade especial con motivo da eclipse total de sol, coa organización dunha xornada divulgativa que combinará explicacións sobre o fenómeno astronómico e a súa observación desde o Castro de Castelo.

A programación comezará ás 18.00 horas no local veciñal de Castelo cunha charla impartida por tres veciñas do municipio. Lucía López, docente de Matemáticas e Física, ofrecerá unha explicación sobre astronomía, mentres que María Almuíña e Teresa Gómez Feás, da Óptica Teresa Feás, abordarán as recomendacións para protexer a vista durante a observación da eclipse.

Posteriormente, ás 19.00 horas, os asistentes desprazaranse ata o Castro de Castelo, un dos enclaves máis representativos do concello, para seguir a evolución do fenómeno astronómico.

Co obxectivo de garantir unha observación segura, o Concello porá a disposición da veciñanza lentes homologadas grazas á colaboración da Deputación de Lugo. Poderán recollerse gratuitamente nas dependencias municipais, cun máximo de dúas por persoa, e tamén estarán dispoñibles durante a celebración da actividade en Castelo.

Desde o Concello animan á cidadanía a participar nesta cita, lembrando a importancia de utilizar protección ocular adecuada para evitar danos na vista durante a observación da eclipse.

0.1224319934845