Taboada incorpora un vehículo todoterreo para reforzar os servizos municipais no rural

RibeiraSacraXa
O novo vehículo, financiado mediante un convenio coa Deputación de Lugo, busca mellorar a seguridade do persoal municipal e a atención ás parroquias
Pick up Concello de Taboada
Foto: Concello de Taboada
15 Oct 2026

O Concello de Taboada incorporou á súa frota un vehículo todoterreo tipo pick-up, co obxectivo de mellorar a prestación de servizos nas zonas rurais do municipio. A operación supuxo un investimento de 25.000 euros.

A compra foi posible grazas a un convenio de colaboración asinado coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da súa Área de Medio Rural, que achegou financiamento para este fin.

Segundo explicou o propio consistorio, a incorporación deste novo vehículo permitirá avanzar en varias frontes. Por unha banda, contribuirá a mellorar a seguridade do persoal municipal durante os seus desprazamentos e no desenvolvemento das súas labores habituais. Por outra, supón un paso na renovación do parque móbil do Concello, que deste xeito conta cun equipamento máis axeitado para as tarefas que realiza no territorio.

Así mesmo, dende o Concello destácase que este todoterreo servirá para reforzar a atención ás necesidades das parroquias do municipio, facilitando que os traballos e servizos cheguen de forma máis eficaz ás distintas zonas do rural de Taboada.

O goberno local amosou o seu agradecemento á Vicepresidencia da Deputación de Lugo e á súa Área de Medio Rural pola colaboración prestada, que permite, segundo sinalan, seguir mellorando os servizos públicos que se ofrecen aos veciños e veciñas do municipio.

0.14875102043152