Taboada estrea mobiliario e nova sinalización para facilitar as visitas no Penedo do Cuco

O Penedo do Cuco conta desde a pasada semana con novo mobiliario para mellorar as condicións de uso e visita desta paraxe situada á beira do río Miño. A actuación incorpora dúas mesas con asentos integrados e unha tumbona, ao tempo que se conserva o banco que xa existía no lugar.
A intervención complétase coa instalación de nova sinalización en todos os cruces desde Friamonde, co obxectivo de facilitar o acceso e evitar que as persoas que se acheguen ata a zona poidan perderse durante o percorrido.
O espazo foi promovido no seu día pola Asociación Veciñal-Cultural Vilar Friamonde Mourulle e forma parte das diferentes atalaias desde as que se pode contemplar o paso do Miño polo municipio. O Penedo do Cuco sitúase xunto aos miradoiros da Cariza, Mourulle e A Tragariza, que ofrecen tamén puntos de observación sobre o río.
A paraxe pode visitarse a través dun paseo desde Couso, unha opción para achegarse a este espazo e desfrutar do seu contorno. A recomendación para as persoas que se acheguen é manter a zona limpa e recollida, deixando as instalacións en boas condicións para os seguintes visitantes.