Taboada despide as Festas dos Milagres 2026 coa Festa do Oso na Medela e unha gran verbena na Alameda

Taboada pon hoxe, luns 10 de agosto, o punto final ás Festas dos Milagres 2026 cunha xornada dedicada á tradicional Festa do Oso, que se celebra na Área Recreativa da Medela. Desde as 16h30, a Charanga Unión Phenosa será a encargada de amenizar a tarde, enchendo o recinto de música e ambiente festivo.
Quen queira gozar da xornada nunha mesa poderá facer a reserva o propio luns pola mañá, a partir das 10h, na mesma Área Recreativa da Medela. O prezo por mesa é de 15 euros.
A programación do día inclúe tamén, ás 17.30 horas, unha festa da escuma nas piscinas municipais, unha das citas máis esperadas polo público máis novo nestas datas de calor.
Ás 22.00 horas, a Alameda acollerá a gran verbena de peche das festas, coa actuación da Orquestra Charleston Big Band, unha das formacións máis recoñecidas do circuíto de verbenas galegas. O espectáculo, cargado de ritmo, baile e diversión, será a despedida definitiva das Festas dos Milagres 2026.