Taboada celebra as Festas dos Milagres con música, teatro, cinema e actividades para todos os públicos

O Concello de Taboada celebra a fin de semana das Festas dos Milagres cunha ampla programación dirixida a todos os públicos. A programación oficial arrancou o domingo 2 de agosto co concerto de Rechouchíos Taboada no Campo da Feira. O luns 3 proxectouse no Cuartel Vello a película Sirat, dentro do ciclo Mestre Mateo, mentres que o martes 4 foi a quenda do documental Mulleres de Taboada, no Mesón de Castelo.
As actividades continuaron este mércores 5 de agosto coa representación da obra Ñiqui Ñaque, do Centro Dramático Galego, mentres que onte celebrarouse un Escape Room organizado por XOGAL.
O venres 7 estará dedicado á programación infantil e á música. Ás 19.00 horas, Peter Punk presentará o espectáculo A Chungatrona no Campo da Feira. Media hora máis tarde comezará a ruta polos bares organizada pola Festa da Mocidade, acompañada pola charanga Faro Brass. A partir das 22.30 horas sucederanse os concertos de 9Louro, Dakidarría, TapadoRella e The Palangans.
O sábado 8 de agosto celebrarase a xornada central das festas coa misa solemne e procesión na igrexa de San Tomé ás 12.00 horas. Ás 13.00 horas ofrecerá un concerto a Escola Banda de Música de Antas de Ulla na Alameda e, xa pola tarde, disputarase a final do Maratón de Fútbol Sala organizado polo Taboada Futsal no pavillón polideportivo. A partir das 22.00 horas haberá verbena coa actuación do grupo Claxxon na Alameda e da Orquestra Pontevedra na Avenida de Lugo, rematando a noite coa sesión de DJ Sonic.
O domingo 9 abrirase coa música da Banda de Música da Comarca de Sarria e do grupo tradicional Toxo Queimado polas rúas da vila. Tras a misa solemne e a procesión, a Alameda acollerá un novo concerto da banda e dos grupos tradicionais. Ás 18.30 horas disputarase no campo da Medela Xosé Anxo Varela "Canti" o Trofeo das Festas dos Milagres entre o Taboada CF e o Club Lemos. Pola noite, a verbena contará coa actuación da Orquestra Gran Parada na Alameda e da cantante Sabela na Avenida de Lugo. Á medianoite celebrarase unha sesión de fogos artificiais nas inmediacións do pavillón polideportivo.
As festas concluirán o luns 10 de agosto coa tradicional Festa de Ósos, amenizada pola Charanga Unión Phenosa desde as 16.30 horas na Medela. Ás 18.00 horas haberá Festa da Escuma nas piscinas municipais e, como peche da programación, a Orquestra Charleston ofrecerá unha verbena na Alameda a partir das 22.00 horas.