Taboada acollerá o vindeiro sábado a 13ª edición dunha popular carreira co gallo do 'Entre Pazos e Carballos'

O vindeiro sábado, 26 de setembro, Taboada será escenario dunha nova edición da carreira popular 'Entre Pazos e Carballos', organizada pola Asociación Cultural O Carballo. A cita chega este ano á súa 13ª edición, consolidándose como unha das citas deportivas de referencia do concello dentro do atletismo popular.
A proba intégrase no XII Circuíto Miño-Ulla de Carreiras Populares e conta coa colaboración, entre outras entidades, da área de Cultura e Deporte do Concello de Taboada.
A xornada incluirá tres probas diferenciadas por distancia e categoría. Ás 18.00 horas darase a saída á carreira absoluta, sobre un percorrido de 10.000 metros, que compartirá horario cunha proba de 5.000 metros. Máis tarde, ás 19.30 horas, terán lugar as carreiras correspondentes ás categorías escolares, con distancias que oscilarán entre os 100 e os 1.500 metros, pensadas para que os máis pequenos tamén poidan participar.
Entre os alicientes para os corredores, a organización anunciou un agasallo ecolóxico para todos os participantes, así como unha degustación gratuíta de produtos da zona unha vez rematada a proba.
As inscricións poden realizarse de xeito online a través da plataforma championchipnorte.com, co 24 de setembro como data límite para formalizalas.
Por outra banda, a organización informou de que este mesmo día se notificou aos domicilios e negocios directamente afectados o peche de varias rúas co gallo da celebración da proba. Nos vindeiros días publicarase un bando municipal detallando esta afectación, que, segundo trasladou a asociación, se producirá en horario de tarde, aproximadamente entre as 17.00 e as 20.30 horas.
Quen desexe ampliar información sobre a carreira pode facelo a través das redes sociais da Asociación Cultural O Carballo (Facebook, Twitter e Instagram como @acocarballo) ou por correo electrónico.