Sunshine in Ohio e Sergio Alba xunto a David Taboada protagonizaron sendos concertos no Saviñao

RibeiraSacraXa

O Círculo Saviñao acolleu dous concertos durante esta Semana Santa, da man do grupo de Francia Sunshine in Ohio e o de Sergio Alba e David Taboada.

Sergio Alba e David Taboada Círculo Saviñao
Sergio Alba e David Taboada Círculo Saviñao
31 mar 2024

O Círculo Saviñao acolleu dous concertos durante esta Semana Santa, da man do grupo de Francia Sunshine in Ohio e o de Sergio Alba e David Taboada.

Así, Sunshine in Ohio fixo unha parada en Escairón nesta súa xira por España para ofrecer unha actuación memorable no Circulo Saviñao na que recorreron temas da música internacional e dos seus discos The Saloon e The Polyphonic Blues Orchestra. "Os nosos socios piden que non sexa a derradeira vez que Miss Ohio e a Jonny nos visiten, o que non nos parece nada mal dada a calidade e simpatía que demostraron", explican desde o Círculo.

Pola súa parte, tamén actuaron Sergio Alba e David Taboada, que presentaron a súa ‘Colección Romántica’. "Foi unha actuación que buscou crear una experiencia emocional inspirada pola música, a través dunha coidada selección de temas", explican os organizadores.

Os dous músicos contan cunha dilatada traxectoria na interpretación e na docencia musical. Tanto Sergio, veciño de Antas de Ulla, coma David, con raíces en Orxaínza, no Saviñao; levan actuado na nosa sociedade en multitude de ocasións. "Lograron con este proxecto a conexión co público nun formato intimista de voz e piano, polo que foron moi valorados e aplaudidos por todos os presentes", conclúen.