Sonia María García García presenta en Quiroga “Toca. El yugo de Roma”, a segunda novela da súa saga ambientada no Courel

RibeiraSacraXa
A escritora coruñesa dará a coñecer ante o público quirogués este venres, 21 de agosto, a continuación de “Toca. El oro de la Gallaecia”
sonia-maria-garcia-toca-el-yugo-de-roma
20 Aug 2026

A escritora coruñesa Sonia María García García presentará este venres, 21 de agosto, en Quiroga a súa nova novela, “Toca. El yugo de Roma”, segunda entrega da saga de ficción ambientada en O Courel nos albores da romanización. O acto terá lugar ás 20.00 horas no bar A Botica.

A autora retoma con esta obra a narrativa de ficción despois da publicación de “Toca. El oro de la Gallaecia”, primeira entrega da saga, e tras presentar o novo libro na Feira do Libro da Coruña. A segunda novela está publicada pola editorial viguesa Belagua Ediciones.

“Toca. El yugo de Roma” aborda os abusos do poder e a permanencia de valores como a solidariedade, o valor e a lealdade. A obra tamén introduce unha reflexión sobre a fraxilidade do ser humano fronte á natureza.

Nesta nova historia, a protagonista, a galaica Toca, emprende xunto ao seu prometido, o prefecto romano Marco Pompeyo Lépido, unha viaxe ata o corazón do Imperio. O percorrido poñerá a proba a identidade da protagonista.

Coincidindo coa publicación deste segundo volume da diloxía protagonizada por Toca e Marco Lépido, Belagua Ediciones tamén publicou unha edición revisada de “Toca. El oro de la Gallaecia”, con cambios na portada e no formato.

As dúas novelas incorporan nas súas últimas páxinas catro rutas literarias elaboradas pola propia autora polos lugares que aparecen en cada unha das historias. Estas propostas buscan convidar os lectores a realizar unha viaxe cultural por diferentes puntos da montaña lucense e da serra do Courel.

As rutas permiten coñecer un territorio de interese etnográfico, humano, arqueolóxico, paisaxístico e natural, e están formuladas para realizar os percorridos con respecto e consideración pola natureza, os pobos, as súas xentes e as súas formas de vida.

Sonia María García García é autora de varias publicacións relacionadas co territorio do Courel. Entre elas figuran “O libro do Courel”, publicado por Belagua en 2016; “Un ano no Carballal. Dende a vida tradicional aos novos tempos no Courel”, editado por Canela en 2021; e “A Buraca das Choias. Acceso ás entrañas de O Courel”, publicado por Belagua en 2024 en colaboración co Club Deportivo Elemental Geoceanic.

0.13872408866882