Sober súmase á Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero con 12 libros

RibeiraSacraXa
A iniciativa reparte libros sobre feminismo, igualdade e violencia machista por distintos concellos da provincia de Lugo para fomentar a reflexión e a sensibilización social
Concello-de-Sober
2 Sep 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou hoxe na Casa da Cultura de Sober nun novo acto de entrega da Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero (MAVI), no que salientou a importancia de "remover conciencias e cambiar hábitos machistas" que, segundo indicou, seguen presentes nunha sociedade aínda marcada por condutas sexistas e patriarcais.

Ao acto asistiron tamén o alcalde de Sober, Luis Fernández; a educadora de familia do municipio, a responsable da biblioteca e as traballadoras sociais do Concello, Ana Mariño, Ana del Valle, Ana de la Torre e Luz María González; así como a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Lugo, Rosa María Rivas.

MAVI é unha iniciativa impulsada pola Subdelegación do Goberno que achega a veciños e veciñas de todas as idades libros relacionados co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima e a violencia machista. Segundo explicou López, o obxectivo é contribuír á formación da sociedade en materia de igualdade a través da lectura de obras feministas que axuden a rematar con condutas sexistas e desiguais.

Durante o encontro, a subdelegada fixo entrega ao Concello de Sober dunha maleta con 12 títulos e valorou a boa acollida que este programa está a ter en distintos puntos da provincia. López cualificou o proxecto como "máis necesario que nunca" ante o aumento dos asasinatos machistas, e reclamou o respaldo unánime de todas as institucións para seguir impulsando políticas públicas que avancen cara a unha sociedade máis igualitaria, xusta e segura para as mulleres.

A representante do Goberno agradeceu ademais a colaboración do Concello de Sober, lembrando que o Executivo central segue a traballar xunto cos concellos para abordar o que considerou "unha cuestión de Estado", xerando conciencia sobre un problema que, ao seu ver, afecta a toda a sociedade.

Con esta nova entrega, Sober únese a outros concellos lucenses que xa participaron na iniciativa, entre eles Muras, Viveiro, Sarria, Vilalba, Meira, Trabada, Quiroga, Cervantes, Barreiros, Chantada, Monforte, Burela, Taboada, Lugo e Ribeira de Piquín, ademais dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. En todos estes casos, os textos serviron como ferramenta para promover a reflexión e o pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan a desigualdade e a violencia.

Actualmente son tres as maletas viaxeiras que percorren a provincia de Lugo, un material que continuará o seu itinerario por centros de información á muller, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero e servizos sociais municipais que soliciten o recurso.

Catálogo de libros

Entre os títulos incluídos na maleta entregada en Sober están: 'A historia dos bonobos con lentes', de Adela Turín e Nella Bosnia; 'Yo Voy Conmigo', de Raquel Díaz Reguera; 'Los hombres me explican cosas', de Rebecca Solnit; 'Mentiras para ser una mujer de verdad. Manual para principiantes', de Rocío Salazar; 'Si es amor, no duele', de Pamela Palenciano e Iván Larreynaga; 'El futuro es femenino: Cuentos para que juntas cambiemos el mundo', de varios autores; 'Lola Vendetta. Una habitación propia con wifi', de Raquel Riba Rossy; 'A mí no me iba a pasar: Una autobiografía con perspectiva de género', de Laura Freixas; 'Matriarcas. Mulleres en pé de vida' e 'Invisibles: Relatos del maltrato', ambos de Montse Fajardo; 'Feminismo para principiantes', de Nuria Varela e Antonia Santolaya; e 'Voces que cuentan. Una antología', de varios autores.

0.14707803726196