Sober suma unha nova veciña centenaria

RibeiraSacraXa
Rosario Rodríguez, veciña de Canaval, celebrou os seus 100 anos rodeada da súa familia e da súa contorna
rosario-lopez-cen-anos-sober
25 Aug 2026

Sober volveu celebrar o aniversario dunha das súas veciñas centenarias. Rosario Rodríguez Estrada cumpriu 100 anos rodeada pola súa familia e polas persoas que a acompañan no seu día a día.

Nacida en Sistín do Mato, Rosario viviu durante boa parte da súa vida no barrio da Chá, ambos na parroquia de Canaval, coa que sempre mantivo unha estreita vinculación. Viúva e sen fillos, dedicouse principalmente aos labores do campo e da casa. Desde hai varios anos reside na Residencia Nosa Señora do Carme de Sober.

Con motivo do seu centenario, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, achegouse ata a residencia para felicitala persoalmente e facerlle entrega dun ramo de flores. Rosario compartiu a celebración co persoal do centro, coa súa sobriña, á que criou como unha filla despois de que os seus pais emigrasen ao estranxeiro, e co seu “bisobriño”.

Con esta nova celebración, Sober conta actualmente con nove persoas que alcanzaron os 100 anos, todas elas mulleres. Nas últimas semanas faleceron os dous homes centenarios cos que contaba o municipio: José Gómez, natural de Sober e residente no País Vasco coa súa familia, e Antonio Campos, natural de Barantes, que vivía co seu fillo en Barcelona.

O Concello de Sober trasladou a Rosario os seus parabéns polo seu centenario e os seus desexos dun feliz aniversario.

0.1221067905426