Sober prepárase para celebrar a XXIX Feira da Rosca, Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra

O Concello de Sober presentou a programación da XXIX Feira da Rosca, Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra e do VIII Túnel do Viño de Amandi, dúas citas que se celebrarán os días 11 e 12 de agosto cun amplo programa de actividades centradas na gastronomía, o viño, a artesanía e a cultura tradicional.
Un dos principais atractivos da programación será a degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo, prevista para o mércores 12 de agosto coa colaboración de Queixos Prado.
As actividades arrancarán o martes 11 coa apertura do VIII Túnel do Viño de Amandi, que abrirá as súas portas ás 19.00 horas nunha carpa situada na Praza do Concello. Organizado por Vinosacra, o espazo reunirá a participación de 25 adegas, que presentarán un total de 50 referencias de viños da subzona de Amandi e Sober para a súa degustación. O evento contará tamén coa colaboración da empresa cárnica lucense Torre de Núñez e permanecerá aberto ata as 23.00 horas.
A mesma xornada, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) organizará unha experiencia gastronómica gratuíta elaborada con produtos galegos 100 %, que terá lugar a partir das 21.00 horas na Praza do Concello. O menú será preparado polo cociñeiro soberino Martín Mantilla e a velada estará amenizada coa actuación do grupo DosEnPunto.
A programación continuará o mércores 12 de agosto coa apertura, ás 10.00 horas, dos postos da feira. Entre eles haberá tres espazos dedicados á venda de roscas, ademais de máis dunha ducia de expositores con produtos da Ribeira Sacra, artesanía e olería tradicional.
Media hora despois, ás 10.30 horas, desenvolverase unha demostración de xoiería e forxa incluída no programa Mans Artesás da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Entre as 11.00 e as 13.00 horas celebrarase un obradoiro de fieltro impartido por Ovella Viva, mentres que ao mediodía, ás 12.00 horas, será a quenda da actuación do grupo de música tradicional Os Ministreles.
O VIII Túnel do Viño de Amandi volverá abrir o mércores en horario de 11.00 a 15.00 horas, permitindo aos asistentes degustar os viños das adegas participantes e coñecer a oferta vitivinícola dunha das subzonas máis representativas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.