Sober organiza a I Floralia Proendos, unha festa de inspiración romana dedicada á exaltación da primavera

O xacemento arqueolóxico de Proendos, no concello de Sober, será escenario o vindeiro sábado 30 de maio da celebración da “I Floralia de Proendos”, unha festa de ambientación romana promovida polo Concello de Sober co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de divulgar e poñer en valor este enclave da Ribeira Sacra.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, presentaron este luns o programa da iniciativa, que se desenvolverá entre as 10.30 e as 14.30 horas e que combinará actividades divulgativas, recreación histórica e propostas participativas dirixidas a todos os públicos.
A celebración toma o nome das antigas “floralias”, as festas romanas vinculadas á primavera, e contará coa participación da asociación de recreación histórica Caetra Lucensium, coñecida pola súa presenza no Arde Lucus.
Durante a xornada instalaranse exposicións permanentes sobre xogos romanos, instrumental cirúrxico da época, a ceca —o lugar onde se fabricaban e acuñaban moedas— e a panoplia romana, centrada no armamento e equipamento dos soldados da antiga Roma.
A programación inclúe tamén diferentes obradoiros para o público infantil, entre eles actividades de fabricación de moedas e colgantes, xogos de mesa e unha “escola de lexionarios”.
Outro dos eixos centrais da iniciativa serán as visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico, que estarán dirixidas pola empresa Tempos Arqueolóxicos, responsable das últimas campañas de escavación realizadas no lugar.
Segundo destacou a organización, os traballos impulsados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude permitiron documentar e consolidar a planta completa dun hórreo romano, considerado unha estrutura singular no noroeste peninsular pola disposición dos seus muros paralelos. As escavacións tamén serviron para identificar outras estruturas de carácter residencial e agrario na contorna do xacemento.
Durante a presentación, Javier Arias animou á cidadanía a participar nesta iniciativa, “que converte o xacemento de Proendos nun espazo vivo de divulgación, no que a historia e as actividades lúdicas e participativas se combinan para achegar ao público como era a vida na antiga Roma e a importancia deste enclave na Ribeira Sacra”.
Pola súa banda, o Concello de Sober avanzou a súa intención de consolidar esta celebración en futuras edicións e ampliar a programación tamén ao horario de tarde con novas actividades.