Sober inicia a campaña de vacinación antirrábica e identificación canina 2026

RibeiraSacraXa
O calendario previsto comeza hoxe en Canaval, Vilaescura, Rosende e Millán, e continuará ao longo dos días seguintes por distintas parroquias do municipio ata o 5 de xuño, cando rematará en Neiras
perros-cans-praia
25 May 2026

O Concello de Sober pon en marcha este luns, 25 de maio, a Campaña anual de vacinación da rabia, identificación e desparasitación canina correspondente ao ano 2026. A iniciativa, que será de carácter voluntario, consistirá na atención aos animais casa por casa, xa que, segundo lembran dende o Goberno municipal, está prohibida a concentración de cans para este tipo de actuacións.

O Concello lembra que a identificación mediante microchip é obrigatoria dende o ano 2002, segundo a normativa autonómica vixente, e que desde 2008 tamén é necesario dispoñer dun pasaporte ou cartilla sanitaria vinculada a esa identificación.

A campaña será realizada polo veterinario de recorrido Xosé Tomé, co que os propietarios deberán contactar no número 689 103 594 o día correspondente á visita na súa parroquia. As intervencións realizaranse en horario de mañá.

O calendario previsto comeza o luns 25 de maio en Canaval, Vilaescura, Rosende e Millán, e continuará ao longo dos días seguintes por distintas parroquias do municipio ata o 5 de xuño, cando rematará en Neiras.

En canto aos prezos, establécense 17 euros para a vacina da rabia e 40 euros para a implantación de microchip xunto co pasaporte oficial. Para outras vacinas ou trámites, será preciso consultar co veterinario.

O Concello subliña a importancia de manter ao día a identificación e a documentación sanitaria dos animais de compañía.

0.11869311332703