Sober convoca o concurso de deseño gráfico para o cartel da vindeira Feira do Viño de Amandi
A XLIII Feira do Viño de Amandi celebrarase os vindeiros 31 de marzo e o 1 e 2 de abril, coincidindo co sábado e domingo de Ramos, e por iso o Concello de Sober xa convocou o seu tradicional concurso de deseño gráfico coa fin de elixir o cartel anunciador deste evento.
O certame, que está dotado con 600 euros, ten como obxectivo conseguir que os deseños reflictan o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura.
Poderá concorrer toda a poboación con traballos en formato A3 e técnica libre, pero só se poderá presentar un cartel por persoa. Quedan exentas, tal e como se ten acordado, aquelas persoas que teñan recibido o premio cando menos en dúas ocasións para permitir así o acceso a novos creadores.
Os traballos presentados quedarán en poder do Concello de Sober e o deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XLIII Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man e outro material promocional. Os restantes carteis presentados poderán ser expostos se o Concello así o considera.
Proceso de participación
Os traballos deberán ser presentados nun sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha forma de identificación.
Noutro sobre levará escrito o lema e no seu interior deberá conter os datos do autor, tales como o nome, o enderezo e o teléfono de contacto.
O cartel terá que levar de xeito obrigatorio os seguintes datos: XLIII Feira do Viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober. A páxina web www.concellodesober.com e a data de celebración, 31 de marzo e 1 e 2 de abril.
A entrega de orixinais farase na Casa do Concello ata o día 5 de febreiro de 2022 en horario de 10.00 a 14.00 horas e tamén poden ser enviados por correo postal ao Concello de Sober.
Xurado e premio
O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria e o cartel darase a coñecer xunto coa programación do Mes do Amandi.
O xurado estará formado por persoas cualificadas na materia, reservándose a facultade de declarar deserto o premio no caso de que estimase que ningún dos traballos reúne os méritos suficientes.
Os participantes someteranse á decisión do xurado, que resolverá sobre calquera dúbida non prevista nas presentes bases. No caso de facerse unha entrega pública ao gañador ou gañadora este comprométese a recoller persoalmente o premio ou facerse representar debidamente no acto.