Sober celebra este sábado a I Floralia de Proendos, unha festa de recreación romana dedicada á exaltación da primavera

O xacemento arqueolóxico de Proendos, no municipio de Sober, será o escenario o vindeiro sábado 30 de maio da I Floralia de Proendos, unha festa de ambientación romana impulsada polo Concello de Sober co apoio da Xunta de Galicia, orientada á divulgación e posta en valor deste enclave da Ribeira Sacra.
A iniciativa desenvolverase entre as 10:30 e as 14:30 horas e toma como referencia as antigas floralias romanas, celebracións vinculadas á chegada da primavera. O programa inclúe propostas divulgativas e participativas dirixidas a todos os públicos, coa presenza de membros da asociación de recreación histórica Caetra Lucensium.
Durante a xornada haberá exposicións sobre distintos aspectos da vida na antiga Roma, como xogos, material cirúrxico, a ceca (onde se acuñaban moedas) e a panoplia militar, con armamento e equipamento das lexións romanas. Ademais, o público infantil poderá participar en obradoiros de elaboración de moedas e colgantes, xogos de mesa e unha actividade didáctica tipo “escola de lexionarios”.
O programa complétase con visitas guiadas ao xacemento, a cargo da empresa Tempos Arqueolóxicos, responsable das últimas campañas de escavación. Estas intervencións permitiron documentar e consolidar a planta dun hórreo romano, unha estrutura considerada singular no noroeste peninsular, así como identificar restos residenciais e agrarios que reforzan a importancia do xacemento para o estudo da presenza romana en Galicia.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, anima á participación nun evento que busca converter o xacemento nun espazo vivo de divulgación histórica, combinando lecer e coñecemento para achegar á cidadanía a realidade da antiga Roma e o valor patrimonial de Proendos.
O Concello traballa na continuidade da Floralia en próximas edicións, coa intención de ampliar a programación e incorporar novas actividades en vindeiros anos.