Sober acolle este sábado a primeira xornada de reforestación do programa ‘Facer Bosque’

O concello de Sober será escenario este sábado, 31 de outubro, da primeira xornada do programa ‘Facer Bosque. Celebra, vive, reforesta’, unha proposta orientada á plantación e restauración ambiental nunha zona que sufriu graves danos a causa dos incendios forestais e que destaca polo seu elevado valor ecolóxico.
A actuación está organizada pola entidade Guardabosques, que deseñou esta xornada co obxectivo de favorecer a recuperación da contorna natural a través da participación directa dos veciños e veciñas interesados en colaborar con tarefas de plantación.
A actividade está aberta a calquera persoa que queira sumarse, sen necesidade de experiencia previa, e contará coa guía de Marena Rodríguez, enxeñeira forestal e veciña do propio municipio de Sober, quen acompañará aos participantes durante toda a xornada.
O encontro está previsto para as 11.00 horas, co punto de encontro no Miradoiro da Pena do Conde. Esta será a primeira das dúas xornadas programadas dentro desta iniciativa, xa que está prevista unha segunda cita o vindeiro 7 de novembro para continuar cos traballos de reforestación na zona.
As persoas interesadas en participar poden consultar toda a información do programa, así como formalizar a súa inscrición, a través da ligazón habilitada para tal fin: https://tsml.mtrbio.com/public/smartlink/Guardabosques
Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Sober, que se suma así a este proxecto de recuperación ambiental centrado en devolver vida a un espazo natural castigado polo lume.