'Sirât', de Óliver Laxe, chega este mércores ao Ciclo Mestre Mateo na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
A premiada longametraxe proxectarase ás 20.30 horas na Casa da Cultura Olga Novo
Sirat-Oliver-Laxe
28 Jul 2026

A Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón acollerá este mércores 29 de xullo, ás 20.30 horas, unha nova sesión do Ciclo Mestre Mateo, coa proxección da película 'Sirât', dirixida por Óliver Laxe e gañadora do premio á Mellor Longametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo.

O filme narra a historia dun home e do seu fillo, que viaxan ata unha rave perdida en Marrocos na procura de Mar, a súa filla e irmá, desaparecida meses atrás. Mentres reparten a súa fotografía entre os asistentes, mergúllanse nun universo dominado pola música electrónica e unha forma de liberdade completamente descoñecida para eles.

Durante a súa busca coñecen un grupo de raveiros cos que deciden emprender unha viaxe cara a unha última festa no deserto, convencidos de que alí poderán atopar algunha pista sobre o paradoiro da moza.

A proxección forma parte do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa que achega ao público algunhas das producións audiovisuais galegas máis destacadas dos últimos anos, recoñecidas pola Academia Galega do Audiovisual.

0.14178705215454