Segunda Parte e Rockin’KB abriron este martes o V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos

A Praza de España de Monforte de Lemos acolleu este martes, 18 de agosto, a primeira xornada do V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos, unha iniciativa organizada polo Concello dentro do Programa do Verán Cultural que nesta edición reúne 11 actuacións.
A primeira noite contou cos concertos de Segunda Parte, ás 22.30 horas, e Rockin’KB, ás 00.00 horas. A programación continuará durante cinco xornadas máis, ata o xoves 27 de agosto, con actuacións nas prazas da Estación, da Compañía e de España.
O ciclo ten como finalidade dar visibilidade ás bandas locais e ofrecer aos artistas monfortinos un espazo no que presentar o seu traballo ante a veciñanza.
“Queremos que os grupos monfortinos sexan os protagonistas e que a veciñanza teña a oportunidade de descubrir e desfrutar da música que se fai na nosa propia cidade”, sinala o alcalde, José Tomé.
A programación pretende tamén converter os concertos nun punto de encontro entre os músicos locais e a veciñanza e contribuír á dinamización da actividade cultural de Monforte.
A segunda xornada celebrarase este mércores, 19 de agosto, na Praza da Estación, con un cambio na programación prevista. A actuación de Cero2Cero, inicialmente programada para as 00.00 horas, non poderá celebrarse debido ao falecemento dun familiar próximo dun dos integrantes do grupo.
Como consecuencia desta modificación, tamén se producirá un cambio no horario da actuación de Nectarine Soul. O grupo, que inicialmente estaba previsto para as 22.30 horas, comezará finalmente o seu concerto ás 23.00 horas e prolongará a actuación ata as 00.30 horas.
O xoves 20 de agosto, a música trasladarase á Praza da Compañía, onde Galga Blues Band actuará ás 22.30 horas e Bella Chaos ás 00.00 horas. O ciclo retomará a programación o martes 25 de agosto na Praza da Estación, con Movilla y Los Irrepetibles ás 23.00 horas.
O mércores 26 de agosto haberá dúas novas actuacións na Praza da Compañía. Deuce actuará ás 22.30 horas e Los Jinetes del Trópico ás 00.00 horas. A última xornada terá lugar o xoves 27 de agosto na Praza de España, con 7 Rojo ás 22.30 horas e El Mundo de Sofía Band ás 00.00 horas.