Segredos de Pantón programa catro roteiros para o verán con propostas centradas no patrimonio, a historia e as lendas

Segredos de Pantón presentou a programación de actividades prevista para este verán cun calendario formado por catro roteiros que se desenvolverán entre os meses de xullo e setembro e que percorrerán diferentes espazos do municipio combinando patrimonio, historia, tradicións e lendas locais.
A primeira das propostas terá lugar o 19 de xullo cun roteiro por Santa María de Ferreira. A actividade recuperará parte do percorrido da primeira ruta organizada polo colectivo no ano 2019. Durante o itinerario visitaranse diferentes muíños, pasares, casas grandes e antigas igrexas, ademais de ofrecer unha visión diferente do mosteiro do Divino Salvador e doutros elementos do entorno.
A segunda cita será o 1 de agosto baixo o título O outro románico pantonés. Nesta actividade realizarase un percorrido por distintos elementos patrimoniais do concello menos coñecidos. O roteiro permitirá achegarse aos canzorros eróticos de San Martiño de Tribás, aos restos de pinturas hispanoflamencas de Santo Estevo do Mato e ás formas singulares do Santuario de Augas Santas.
Xa o 14 de agosto celebrarase o primeiro roteiro nocturno organizado por Segredos de Pantón, que terá como escenario Deade. A proposta incluirá historias relacionadas coas gavillas, relatos de medo e referencias á tranquilidade, ou non tanta, das noites de verán.
A programación pecharase o 6 de setembro coa actividade Polas terras de Vilamirón, un percorrido polas zonas altas deste territorio no que os participantes poderán coñecer antigas capelas, tradicións locais e referencias á coñecida Torre de Quitapesares.
Todas as actividades terán un custo de 2 euros por persoa, mentres que os menores de 12 anos poderán participar de forma gratuíta.
As persoas interesadas en participar deberán reservar praza a través do correo electrónico segredosdepanton@gmail.com, mediante as redes sociais Facebook e Instagram ou por WhatsApp no número 662 669 223, correspondente a Lucas.