Seceda do Courel prepárase para a cuarta edición das xornadas dedicadas á Carballesa

A Asociación Galega de Gaiteiros, en colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel, organiza este sábado 25 de abril a cuarta edición das xornadas dedicadas á Carballesa, que se celebrarán en Seceda do Courel.
A iniciativa naceu co obxectivo de preservar unha das expresións culturais máis singulares da zona oeste do municipio. Nas parroquias de Eiriz, O Carballal e Seceda, así como no veciño Val do Incio, mantense viva esta variante de muiñeira coñecida como Carballesa, que forma parte do patrimonio inmaterial da comarca.
Dende a organización destacan a importancia de conservar estas tradicións e de render homenaxe ás xeracións anteriores, responsables de transmitir estes saberes, así como ás persoas que contribuíron á súa recollida e difusión ao longo do tempo.
O programa da xornada inclúe dous obradoiros teórico-prácticos centrados na Carballesa: un de baile, impartido por Julia Mª Pozo Méndez e Chema Cebeiro Fernández, e outro de gaita, a cargo de Óscar Sánchez Rodríguez. Ademais, haberá unha homenaxe especial aos brindos e ás persoas que os manteñen vivos, coa participación de Branca Villares, quen tamén dirixirá un obradoiro sobre esta tradición oral no Courel.
A xornada completarase cun filandón aberto ao público, dinamizado polo grupo de teatro Milrosas de Lóuzara (Samos), seguido dun baile no que participarán agrupacións das escolas de música tradicional dos concellos de O Incio, O Courel e A Pobra do Brollón. O peche correrá a cargo do grupo Galega de Bailables.
A actividade conta tamén coa colaboración de diferentes entidades e iniciativas locais, como Lar da Cima, Carmen Álvarez, Supermercado Cal “Boter” e o mel artesán O Galeirón.
A organización anima á veciñanza e ao público en xeral a participar nesta cita, convidando ás persoas asistentes a levar os seus instrumentos e a gozar dunha xornada de música e baile tradicional nun entorno privilexiado.