San Xoán de Río recibe candidaturas de emprendedores e directivos de 16 países para o seu proxecto de dinamización rural

San Xoán de Río converteuse en destino de candidaturas de emprendedores e profesionais procedentes de 16 países dos cinco continentes. A iniciativa que o fixo posible é Rural Valley, que impulsa no concello o que se presenta como o primeiro campus residencial de alto rendemento para founders e startups dixitais de España.
Entre os países de orixe dos aspirantes figuran Estados Unidos, Xapón, Turquía, Tailandia, India, Austria e Rusia. Todos eles optan a unha praza nun programa pensado, en principio, para mozos emprendedores que buscaban unha primeira oportunidade.
A realidade, con todo, foi por outro camiño. Segundo indica a organización, a maioría das solicitudes non proceden de mozos sen experiencia, senón de empresarios, fundadores de startups, exdirectivos e consultores con traxectorias internacionais xa consolidadas. Son persoas que, tras anos de carreira profesional, buscan agora poñer en marcha o seu seguinte proxecto dende un contorno distinto ao habitual.
O alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua, considera que ese dato confirma que o rural pode competir nun escenario global se ofrece algo diferencial. "Non buscamos medrar a calquera prezo. Queremos atraer perfís de calidade que cheguen coa súa actividade económica resolta e con capacidade para xerar novas oportunidades para os nosos veciños. Non buscamos habitantes; buscamos persoas capaces de crear valor para o territorio", declarou.
O proxecto vai, polo tanto, máis alá da repoboación tradicional. Busca talento de alta cualificación capaz de traballar dende calquera punto do planeta e, ao mesmo tempo, contribuír a dinamizar a economía local, xerar demanda de servizos e abrir oportunidades para os veciños.
Fronte a outros territorios que compiten con incentivos económicos ou un menor custo de vida, o rexedor defende unha proposta distinta: "Non competimos por custos. Hai moitos lugares do mundo máis baratos ca nós. Competimos por ter un proxecto único, unha comunidade real e unha calidade de vida que permita ás persoas desenvolver todo o seu potencial profesional e persoal".
O caso que resume a tendencia
Miren Aranguiz é un dos exemplos que mellor ilustra este fenómeno. Tras máis de quince anos en multinacionais do sector dixital, en equipos comerciais e de formación, en 2018 deixou a súa carreira consolidada para percorrer o sueste asiático como consultora independente, con parte da súa actividade xa ligada á intelixencia artificial. Hoxe desenvolve un proxecto propio no sector da viaxe: unha ferramenta que converte datos verificados de fontes oficiais en información útil para quen acaba de chegar a unha cidade nova, construída sobre unha infraestrutura pensada para medrar.
O seu caso non é unha excepción. Segundo o equipo de Rural Valley, repítese a diario nas solicitudes que reciben: españois que no seu día marcharon do país ao non atopar o que buscaban, que triunfaron fóra e que, ao coñeceren o proxecto de San Xoán de Río, agora se plantexan volver. Non polo beneficio fiscal nin polo custo de vida, sinalan, senón por outros motivos.
O prazo péchase o 21 de setembro
O proceso de selección segue aberto e as candidaturas continúan a chegar dende distintos puntos do mundo. O equipo do proxecto xa realiza entrevistas persoais para escoller a quen accederá á gran final, prevista en San Xoán de Río durante o mes de outubro.
O prazo para presentar candidaturas remata o 21 de setembro e as solicitudes trámitanse a través da web ruralvalley.eu.
O que arrincou como unha iniciativa para atraer emprendedores estase a converter en algo máis amplo: unha mostra de que o futuro do rural non depende só de sumar poboación, senón de atraer as persoas capaces de emprender, investir, innovar e xerar oportunidades para o territorio.