San Xoán de Río licitará por 150.000 euros a humanización da praza Pedro Fernández

RibeiraSacraXa
A actuación busca converter este espazo, arrodeado do centro de saúde, a Casa do Concello, establecementos de hostalaría e unha área deportiva, nun punto de encontro para a veciñanza
concello de san xoan de rio
20 Aug 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas sacou a licitación as obras de humanización da praza Pedro Fernández, situada no concello ourensán de San Xoán de Río. O orzamento da actuación acada os 150.000 euros.

O anuncio xa figura na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, onde as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 7 de setembro.

Con esta intervención preténdese revitalizar a praza e homoxeneizar o núcleo urbano de San Xoán de Río, mellorando a conexión física e visual entre os puntos máis relevantes do municipio. O obxectivo é lograr unha maior cohesión urbana e ofrecer á veciñanza un espazo público de calidade.

A praza ocupa un lugar central na vida do municipio, xa que ao seu redor concéntranse establecementos de hostalaría, unha instalación deportiva, o centro de saúde e a sede do Concello.

A obra enmárcase nun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de San Xoán de Río, polo que o departamento autonómico financiará o 70 % do orzamento e o consistorio asumirá o 30 % restante.

Esta actuación desenvólvese dentro do Plan Hurbe, unha iniciativa autonómica que apoia aos concellos galegos na execución de obras destinadas a mellorar contornas urbanas, accesibilidade e equipamentos públicos, co fin de reforzar a cohesión territorial e a calidade de vida da poboación.

0.12804698944092