San Xoán de Río e Larouco organizan unha saída conxunta á Veiga para fomentar a convivencia

Os concellos de San Xoán de Río e Larouco organizarán o vindeiro 18 de setembro unha viaxe conxunta á Veiga no marco do programa EnRede, unha iniciativa coa que ambas administracións buscan fomentar a participación, a convivencia e as relacións entre as veciñas e os veciños.
A actividade permitirá compartir unha xornada entre persoas dos dous municipios e contará con transporte compartido. Entre as propostas previstas figuran unha visita á Praia dos Franceses e outra ao Centro Astronómico Trevinca.
A iniciativa forma parte da aposta dos dous concellos pola colaboración entre administracións para compartir recursos e ampliar a oferta de actividades destinadas á cidadanía. O obxectivo é impulsar proxectos comúns con outros municipios que compartan esta vontade de cooperación.
As persoas interesadas en participar nesta saída poden reservar a súa praza no teléfono 679 104 515.