San Xoán de Río celebra o 'Living Lab dos Coidados', unha feira participativa sobre innovación e emprego no rural

San Xoán de Río porá en marcha, o vindeiro xoves 10 de decembro, unha iniciativa centrada no futuro do sector dos coidados nas zonas rurais. Baixo o nome 'Living Lab dos Coidados', a xornada reunirá empresas, cooperativas, entidades e profesionais do ámbito asistencial co obxectivo de favorecer o intercambio de experiencias, detectar novas oportunidades laborais e fomentar a innovación neste sector dentro do contorno rural.
A actividade principal terá lugar ás 10.00 horas no Polideportivo Municipal, onde se desenvolverá unha feira de carácter participativo aberta tanto a entidades que queiran dar a coñecer os seus servizos como a persoas interesadas en incorporarse ao mundo laboral dos coidados ou en poñer en marcha un proxecto propio neste campo. O programa incluirá, ademais dos espazos expositivos, sesións temáticas e momentos de networking entre os asistentes.
Pola tarde, ás 16.00 horas, o Salón de Plenos do Concello acollerá a 'Xornada RSE de Proximidade', un encontro no que se presentará unha guía práctica de responsabilidade social empresarial pensada especialmente para o comercio e as pequenas empresas do medio rural.
A organización destaca que a convocatoria está dirixida a empresas, entidades, profesionais, mulleres, mocidade e, en xeral, a calquera persoa que queira achegar o seu gran de area á construción dun rural con máis oportunidades, baixo a idea de que coidar tamén significa xerar emprego, dinamizar a economía local e proxectar futuro.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web rioeconomiasocial.es.