San Fiz de Cangas celebrará as súas festas cunha romería e un torneo de futbolín

A parroquia de San Fiz de Cangas, en Pantón, acollerá o vindeiro sábado 4 de xullo unha nova edición das festas do Santo Cristo coa celebración da XXXI Romaría, unha cita que combinará tradición relixiosa, actividades culturais, música e competicións populares ao longo de toda a xornada.
A programación comezará ás 13.00 horas coa misa e a posterior procesión do Santo Cristo. Media hora máis tarde celebrarase a sesión vermú e, ás 14.00 horas, terá lugar un xantar popular para o que se habilitará un espazo destinado ás merendas.
A actividade continuará pola tarde cun café-concerto a cargo de Brais GZ, previsto para as 15.00 horas. Ás 17.50 horas disputarase a XVI edición da Copa dos Birlos do Cristo, unha das actividades xa consolidadas dentro da programación festiva.
A xornada rematará coa celebración do I Torneo de Futbolín Festas San Fiz 2026, que comezará ás 20.00 horas no Local Social Santo Cristo.
O campionato repartirá premios entre os tres primeiros clasificados. O equipo gañador recibirá 150 puntos, mentres que o segundo e terceiro posto obterán 70 e 40 puntos, respectivamente.
A inscrición establecérase en 20 euros por parella e a organización fixou un mínimo de 16 parellas participantes. O evento está promovido pola Asociación de Veciños Santo Cristo.