Rubián reviviu as tradicións galegas cunha nova edición da Feira Outrora

RibeiraSacraXa
A XXII edición do evento reuniu en Bóveda máis de medio cento de artesáns, degustacións de produtos de calidade, música en directo, demostracións de oficios tradicionais e actividades para todas as idades
feira-outrora-boveda
15 Jul 2026

Bóveda celebrou este martes a XXII Feira Outrora de Rubián, unha cita que converte a parroquia nun escaparate das tradicións galegas a través da artesanía, a gastronomía, a música e as recreacións etnográficas. Nesta edición participaron máis de 50 artesáns, que ofreceron ao público unha ampla mostra de produtos e traballos tradicionais.

Durante a mañá, os asistentes puideron participar nas catas e degustacións organizadas por AGACAL dentro da iniciativa ‘Experiencias de Calidade’, unha proposta centrada na promoción dos produtos con selos de calidade diferenciada de Galicia. Entre elas destacou a degustación de IXP Ternera Gallega, á que asistiron o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias.

A programación arrancou ás 10:00 horas coa apertura dos postos de artesanía e das distintas exposicións. Pouco despois, Eugenio Linares protagonizou unha exhibición de escultura con motoserra, mentres que ás 11:00 horas abriron os obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño e o Grupo de Gaitas do Concello de Bóveda percorreu o recinto feiral cun pasarrúas.

Ao mediodía comezaron as degustacións de produtos galegos baixo a marca ‘Experiencias de calidade diferenciada’, en colaboración con AGACAL, coincidindo coa actuación da banda Sons e Soños.

As actividades continuaron pola tarde con demostracións participativas nos postos de artesanía e novos obradoiros organizados polo Centro de Artesanía e Deseño. Ás 17:30 horas celebrouse unha festa infantil acuática, seguida dunha merenda para os máis pequenos.

A música volverá ser protagonista ás 19:30 horas cun concerto da Coral Municipal de Bóveda na capela. Unha hora despois, ás 20:30 horas, terá lugar a tradicional recreación da malla, unha das actividades máis emblemáticas da feira, que nesta edición incorpora unha máquina máis moderna para amosar a evolución desta antiga tarefa agrícola.

A programación completarase co tradicional isco no guizo, previsto para as 21:30 horas. Ademais, o Concello instalou unha pantalla xigante na praza para que os asistentes poidan seguir en directo a semifinal do Mundial entre España e Francia sen abandonar o recinto da feira.

O peche da XXII Feira Outrora de Rubián correrá a cargo de Antonio Barros, que ofrecerá o espectáculo ‘Verbena inesquecible’, poñendo o broche final a unha xornada dedicada á cultura, ás tradicións e aos produtos galegos.

0.12184500694275