Roadrunners levará a súa mestura de folk, blues e rock americano ao Círculo Saviñao

O Círculo Saviñao acollerá o vindeiro 30 de maio, ás 20:00 horas, o concerto de Roadrunners, o proxecto musical integrado por Ramón Arroyo e Jeff Espinoza, dous músicos cunha longa traxectoria ligada ao folk, o rock e a música de raíz americana. Círculo Saviñao
A proposta de Roadrunners nace da amizade e da colaboración musical que ambos artistas manteñen desde hai máis de catro décadas. Sobre o escenario presentan un repertorio inspirado na chamada música “Americana”, un estilo que bebe do blues rural, o folk, o country, o bluegrass ou o rock clásico. O concerto combina versións de artistas históricos como Bob Dylan ou B.B. King con composicións propias que manteñen ese espírito de música honesta e de raíces.
Jeff Espinoza, nacido en Los Ángeles e asentado en España desde hai anos, desenvolveu boa parte da súa carreira no panorama musical estatal. É coñecido especialmente polo seu traballo á fronte da banda Red House e polos numerosos proxectos compartidos con Ramón Arroyo. Ao longo da súa carreira colaborou con destacados músicos internacionais vinculados ao blues e ao rock.
Pola súa banda, Ramón Arroyo, integrante de Los Secretos desde 1986, conta cunha ampla experiencia tanto en estudio como en directo. O músico donostiarra participou en múltiples gravacións e compartiu escenario con artistas de referencia do pop e do rock español.
Durante a súa traxectoria conxunta, Roadrunners chegou a abrir un concerto de Jackson Browne en Madrid, unha experiencia que reflicte o prestixio acadado polo dúo no ámbito da música de raíces.
No directo, a formación aposta por un formato próximo e acústico, no que as voces, as guitarras e os instrumentos de corda son os grandes protagonistas dun espectáculo marcado pola experiencia e pola conexión coa tradición musical americana.