Ribas de Sil reúne 18 mulleres nunha xornada de defensa persoal enfocada na autoconfianza e a seguridade

RibeiraSacraXa
A actividade, impulsada pola FEGAMP coa colaboración da Xunta e do Concello, abordou a prevención, a autoconfianza e a seguridade
xornada-defensa-persoal-ribas-de-sil
28 Sep 2026

Un total de 18 mulleres participaron en Ribas de Sil nunha xornada de defensa persoal do Método MAS (Muller, Autoconfianza e Seguridade), unha iniciativa da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Ribas de Sil.

Durante a sesión, guiada por Juan José Martínez, as participantes traballaron aspectos relacionados coa prevención, a autoconfianza e a seguridade, ademais de coñecer diferentes ferramentas prácticas de defensa persoal para saber como actuar ante posibles situacións de risco.

A formación abordou a defensa persoal desde unha perspectiva que vai máis alá das técnicas físicas, incidindo tamén no coñecemento das propias capacidades, a confianza, o establecemento de límites e a adquisición de recursos para afrontar situacións de risco.

Entre as participantes estiveron todas as concelleiras que forman parte da Corporación Municipal de Ribas de Sil, que se sumaron activamente á xornada.

O Concello agradeceu á FEGAMP e á Xunta de Galicia a posta en marcha desta iniciativa no municipio e destacou tamén a participación e implicación das 18 mulleres asistentes.

0.15024995803833