Ribas de Sil repartirá gafas homologadas para observar con seguridade o eclipse total de Sol do 12 de agosto

Ribas de Sil prepárase para vivir o vindeiro 12 de agosto un acontecemento astronómico excepcional: un eclipse total de Sol que poderá contemplarse desde o municipio. Co obxectivo de que a veciñanza poida observar o fenómeno con seguridade, o Concello realizará un reparto gratuíto de gafas homologadas para a observación solar.
A entrega destes dispositivos comezará ás 19.00 horas do propio día do eclipse, antes do inicio da programación especial prevista para esa tarde. O obxectivo é facilitar que as persoas participantes poidan gozar deste momento único empregando o material adecuado para protexer a vista.
Nos días previos, o Concello xa iniciou as actividades de preparación coa rapazada das propostas culturais de verán. As nenas e nenos participaron nun encontro divulgativo no que coñeceron como se producen os eclipses, aprenderon as principais medidas de seguridade para a súa observación e elaboraron sinxelos visores para achegarse ao fenómeno astronómico.
A xornada do 12 de agosto continuará cunha actuación musical incluída na programación das Festas, coa intención de converter a observación do eclipse nunha experiencia compartida pola veciñanza.
Desde o Concello lembran a importancia de empregar unicamente gafas homologadas para mirar ao Sol e advirten de que non se debe observar directamente o fenómeno sen protección, nin sequera durante a fase parcial do eclipse. Tamén recomendan non utilizar gafas de sol, radiografías, cristais afumados, CDs ou outros materiais domésticos, xa que non ofrecen seguridade suficiente.
Ademais, indican que a observación mediante prismáticos, telescopios ou cámaras require filtros solares específicos, mesmo no caso de levar colocadas gafas de protección, e recomendan manter unha supervisión especial dos nenos e nenas durante a contemplación do fenómeno.
Segundo os datos do Observatorio Astronómico Nacional, a fase de totalidade terá lugar arredor das 20.30 horas e prolongarase aproximadamente durante 51 segundos, convertendo Ribas de Sil nun dos puntos desde os que poderá vivirse este acontecemento astronómico.