Ribas de Sil realiza melloras en Peites e incorpora novo mobiliario ao local social

O Concello de Ribas de Sil vén de ampliar o equipamento dispoñible para a organización de eventos municipais coa adquisición de 240 cadeiras e 42 mesas que poderán empregarse en San Clodio e no resto das parroquias. A compra supuxo un investimento de 8.251,55 euros, financiado a través dun convenio coa Deputación de Lugo.
A estrea deste novo mobiliario tivo lugar este domingo en Peites, durante unha comida organizada pola veciñanza no local social da antiga escola con motivo das festas da localidade, que rexistraron unha ampla participación.
Ademais da adquisición de equipamento, o Concello levou a cabo outras dúas actuacións en Peites. Por unha banda, instalou unha marquesiña reacondicionada na parada do autobús, co obxectivo de mellorar este punto de espera para as persoas usuarias do transporte público.
Por outra, retirou a maleza que cubría a ponte da antiga estrada. Os traballos permitiron deixar á vista unha construción que levaba máis de 40 anos oculta pola vexetación, recuperando así a súa presenza na contorna. Estas intervencións súmanse ás actuacións municipais destinadas a mellorar os servizos e os espazos das parroquias de Ribas de Sil.