Ribas de Sil pon en marcha en novembro unha ludoteca gratuíta para conciliar a vida familiar e laboral

O Concello de Ribas de Sil anunciou a posta en marcha, ao longo do mes de novembro, da Ludoteca Corresponsable, un servizo gratuíto pensado para facilitar que as familias poidan compaxinar as súas obrigas laborais co coidado dos máis pequenos.
Segundo informou a área de Igualdade do Concello, a iniciativa desenvolverase de luns a venres durante todo o mes e estará dirixida ao alumnado do CEIP de San Clodio, que poderá acceder á actividade sen custo ningún.
Quen precise máis información ou desexe inscribirse pode dirixirse aos Servizos Sociais municipais, a través do teléfono 982 428 237.
Esta ludoteca intégrase dentro do Plan Corresponsables 2026, un programa para o que o Concello contou cunha axuda de 17.660,50 euros destinada a sufragar servizos de conciliación, así como actividades de formación e sensibilización nesta materia.
O proxecto conta con financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade e do Ministerio de Igualdade do Goberno de España.