Ribas de Sil incorpora novo material ortopédico para reforzar a atención no fogar

O Concello de Ribas de Sil incorporou un novo lote de material ortopédico destinado a reforzar a atención ás persoas con dificultades de mobilidade ou que precisan coidados no seu propio domicilio. Con esta adquisición, o consistorio pretende tamén facilitar as tarefas das auxiliares de axuda no fogar e das persoas que coidan de familiares nas súas casas.
Entre os elementos incorporados atópanse dúas camas articuladas, dous guindastres eléctricos —un deles con función de bipedestación—, varias cadeiras de ducha, incluíndo un modelo con rodas, asentos xiratorios para o baño, así como muletas e outros pequenos complementos de apoio.
Este equipamento será cedido de xeito temporal aos fogares do municipio que o soliciten e acrediten a necesidade, co obxectivo de mellorar a comodidade, a seguridade e a calidade de vida das persoas atendidas. De feito, xa se realizou a primeira entrega: unha das camas articuladas foi instalada nunha vivenda da localidade de San Clodio.
O investimento total desta compra ascende a 6.594,25 euros, unha cantidade financiada pola Deputación Provincial de Lugo a través dun convenio asinado co Concello ribadense.
Este novo material súmase ao que o Concello xa tiña dispoñible, que inclúe unha cama hospitalaria e dous guindastres, actualmente en uso noutros tantos domicilios, ademais de varias cadeiras de rodas á disposición dos veciños que as precisen.
As persoas interesadas en solicitar algún destes equipos poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribas de Sil, onde se lles informará sobre a dispoñibilidade do material e as condicións da cesión temporal.