Ribas de Sil dedica a segunda sesión das “Conversas de Verán” á traxectoria de Roberto Vila, veciño de Noceda

A Aula de Pesca de San Clodio acollerá este xoves, 20 de agosto, a segunda cita das “Conversas de Verán” de Ribas de Sil, un encontro do ciclo “Historias de vida” que nesta ocasión estará dedicado a coñecer a traxectoria de Roberto Vila, natural do Nocedo, en Quiroga.
Roberto Vila é doutor en Xeografía e leva anos desenvolvendo a súa actividade profesional como profesor de español para persoas estranxeiras. A súa carreira docente levouno a vivir e traballar en diferentes países, entre eles Rusia, Andorra e Marrocos. Actualmente exerce como docente na Dubai International Academy, nos Emiratos Árabes Unidos.
A súa experiencia profesional tamén o levou a vivir de preto diferentes situacións relacionadas con conflitos que marcaron a actualidade internacional nos últimos anos. Entre elas atópanse a invasión rusa de Ucraína, a escalada bélica entre Israel e Irán e a crise no Golfo Pérsico.
A súa vida en Dubai permitiulle experimentar directamente parte desta situación. Nos últimos meses, segundo a información facilitada pola organización, non era estraño que preparase as súas clases desde a súa vivenda no barrio de JVT mentres observaba desde a fiestra do salón o paso de mísiles polo ceo.
A sesión de “Historias de vida. Roberto Vila” celebrarase este xoves, 20 de agosto, ás 21.00 horas na Aula de Pesca de San Clodio.