Ribas de Sil celebrou o Día Mundial do Medio Ambiente cunha actividade educativa no Concello

O pasado 5 de xuño conmemorouse o Día Mundial do Medio Ambiente, unha data destinada a reflexionar sobre a necesidade de coidar e preservar a contorna natural, destacando a responsabilidade colectiva na súa protección para garantir a súa conservación para as xeracións futuras.
Desde o Concello de Ribas de Sil sumáronse a esta celebración reafirmando o seu compromiso co medio natural e apostando pola educación ambiental e a concienciación das novas xeracións como piares fundamentais para avanzar cara a un futuro máis sostible.
Nesta ocasión, o alumnado do CEIP de San Clodio participou nunha actividade celebrada no salón de actos do Concello, acompañado polo profesorado e pola directora do centro, Ángela Méndez. A iniciativa contou coa colaboración de Radio Monforte e estivo dirixida por Rafa Aguiar, quen achegou aos escolares ao funcionamento do mundo da radio.
Durante a xornada, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de participar activamente, formular preguntas e ler un manifesto en defensa do medio natural, converténdose nos protagonistas da actividade.
O acto foi aberto pola concelleira Rosy Quiñones, que destacou a importancia de continuar traballando de forma conxunta na protección do patrimonio natural e na sensibilización ambiental da mocidade.