Ribas de Sil celebra este domingo o Día das Letras Galegas cun acto cultural en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil conmemorará o Día das Letras Galegas 2026 cunha programación especial este domingo, 17 de maio, ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Concello, en San Clodio.
A xornada estará centrada na cultura, a literatura e a identidade galega, con varias actividades destacadas. Entre elas, inclúese unha “pílula cultural” dedicada á voz e á obra de Begoña Caamaño, que será impartida pola escritora e profesora Celia Díaz Núñez.
O programa continuará coa presentación do libro “XXXIII Contos e o último gaiteiro”, do escritor e mestre local Manuel Cao Rodríguez. A obra será presentada pola poeta de Quiroga Pura Tejelo Núñez, nun acto que busca poñer en valor a creación literaria vencellada ao territorio, á memoria e ás tradicións galegas.
Ademais, o grupo Foles da Lúa interpretará o Himno de Galicia e amenizará a xornada con música tradicional, que tamén se estenderá polas rúas de San Clodio.
Desde o Concello, anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta celebración cultural, enmarcada na aposta pola promoción da cultura local e o apoio aos autores do municipio.