Rescatadas con éxito as nove xovencas que caeron por un barranco en Taboada

RibeiraSacraXa
Os animais precipitaranse o pasado mércores nunha zona de difícil acceso situada nas beiras do río Miño, na parroquia de San Xián de Ínsua
rescate-xovencas-taboada
1 May 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, seguiu sobre o terreo un operativo no que participaron distintos medios autonómicos e que contou tamén coa xestión dun helicóptero de emerxencias procedente de Asturias. A intervención finalizou con éxito este xoves.

Os animais precipitaranse o pasado mércores nunha zona de difícil acceso situada nas beiras do río Miño, na parroquia de San Xián de Ínsua (Taboada). Dende o primeiro momento, a Xunta puxo os seus medios a disposición do Concello e da persoa propietaria das xovencas, dada a complexidade do terreo.

Segundo explicou o delegado, xa o xoves se desprazou ao lugar acompañado dun gruista para avaliar a posibilidade de extracción mediante grúa, ao tempo que se iniciaron as xestións para a chegada dun helicóptero de emerxencias do Principado de Asturias, capaz de soportar o peso dos animais.

A aeronave chegou este venres en virtude do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias en materia de emerxencias, resultando clave para o rescate dos animais que permanecían na ladeira, dos cales un xa fora atopado sen vida.

No operativo participou tamén a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que despregou un dron para apoiar os traballos, así como efectivos da Policía Autonómica, do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais e dos servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural. A eles sumáronse efectivos do Concello de Taboada, Protección Civil, Garda Civil e veciñanza da zona.

O delegado destacou a “excelente coordinación” entre todos os equipos implicados e a colaboración cidadá, que permitiron completar con éxito unha intervención de alta dificultade técnica.

0.12868213653564