Rematan os traballos de mellora da eficiencia enerxética no campo de fútbol dos Medos, na Pobra do Brollón
O Concello da Pobra do Brollón vén de rematar os traballos de mellora da eficiencia enerxética no campo de fútbol dos Medos, financiados a través do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.
Concretamente, substituíronse os focos do campo, de baixa eficiencia e tecnoloxía obsoleta, por outros de tecnoloxía LED de alta eficiencia e potencia adecuada para este espazo.
Ademais, instaláronse para os vestiarios dúas bombas de calor para producir auga quente sanitaria e substituír así os termos eléctricos de combustibles fósiles, que eran “enerxeticamente ineficientes e non cubrían as necesidades da infraestrutura”, segundo explican desde o Concello.
Ademais, renovouse a cuberta dos locais empregados polos deportistas e demais usuarios das instalacións, cambiando a chapa sen illamento por un sistema de cuberta con illamento, aumentando a eficiencia enerxética e o confort.