Rematan as obras de illamento e mellora da eficiencia enerxética do Pavillón Municipal de Ribas de Sil
A Xunta de Galicia destinou 200.000 euros a mellorar o illamento e a eficiencia enerxética do pavillón municipal de Ribas de Sil. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das actuacións, financiadas ao abeiro das dúas últimas convocatorias do Fondo de Cooperación Local que xestiona a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Nunha primeira fase substituíuse por completo a cuberta de paneis simples por paneis tipo sandwich, e tamén se cambiou a iluminación por lámpadas de tipo led, que consumen menos enerxía.
A intervención completouse nos últimos meses coa instalación de revestimentos illantes polo interior. Na cuberta colocáronse paneis de espuma de melamina con propiedades térmicas nas franxas opacas, evitando tapar a entrada de luz natural; nos muros laterais de fábrica de bloque de formigón incorporouse un trasdosado que permite formar unha cámara na envolvente.
Como resultado, ademais de obter un maior confort térmico e un aforro de consumo enerxético, mellorouse a acústica do recinto eliminando reverberacións.
O pavillón é un edificio de titularidade municipal que forma parte do complexo docente do CEIP de San Clodio, utilizado tanto para as clases do centro como para actividades extraescolares e para eventos sociais, recreativos e culturais do municipio.
Nos últimos dous anos, a Consellería ten achegado ao Concello de Ribas de Sil preto de 333.000 euros a través de distintas liñas de axuda que tramita a Dirección Xeral de Administración local.