Recta final para os traballos de acondicionamento no xacemento do Preguntoiro, en Pantón
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a rematar os traballos de sondaxe e acondicionamento no xacemento do Preguntoiro, en Pantón. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o lugar e explicou que serven para afondar no seu coñecemento e consolidar as estruturas arqueolóxicas exhumadas.
Arias sinalou que esta é a cuarta campaña que se desenvolve desde o ano 2021 para investigar e poñer en valor o conxunto, sumando un investimento de preto de 80.000 euros. Os elementos histórico-arqueolóxicos apuntan á súa vinculación coas orixes cristiáns e a fundación dos primeiros mosteiros na Ribeira Sacra na alta Idade Media. En concreto, considérase un eremitorio que daría orixe ao mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro, do que dista apenas un quilómetro.
A intervención persegue favorecer a conservación deste ben patrimonial e a súa revalorización como recurso turístico e cultural no marco da paisaxe da Ribeira Sacra, mellorando a súa visibilidade, accesibilidade e comprensión.
Realizáronse as nivelacións e recheos precisos e as drenaxes necesarias para evitar a acumulación de auga de chuvia no xacemento, e tomáronse medidas de estabilización de perfís estratigráficos. Así mesmo, acometéronse traballos puntuais de escavación naquelas zonas que quedaban pendentes.
As tres fases anteriores permitiron corroborar a existencia dunha ermida, que segundo a tradición oral estaría baixo a advocación de San Xoán Degolado. Escaváronse os alicerces dunha construción cuxa orientación responde aos canons das igrexas cristiás, coa cabeceira ao leste; tamén hai unha pía rectangular e unha inscrición rupestre datada no século X da nosa era.
Igualmente, axudaron a definir a área de necrópole, conformada por dous sartegos antropomorfos e outro apenas esbozado sen rematar, aínda que o descubrimento dun cuarto sartego antropomorfo escavado na rocha baixo a capela abre a posibilidade da existencia de máis enterramentos no solar.
No actual proxecto escavouse unha área total duns 20 m2 a través da realización de tres sondaxes: a primeira para determinar o límite das estruturas murarias que, desde a capela, pechan a plataforma; a segunda para identificar a relación entre a pía, os sartegos tallados na rocha e a zona de acceso na fachada occidental da capela; e a terceira con fin de facilitar a evacuación de augas.