Quiroga viviu unha intensa fin de semana coa celebración do Corpus e da XVIII Festa do Peregrino

RibeiraSacraXa
Decenas de persoas participaron nos actos relixiosos e festivos, que incluíron as tradicionais alfombras florais
alfombra-corpus-quiroga
8 Jun 2026

O municipio de Quiroga viviu unha intensa fin de semana marcada pola tradición relixiosa e a participación veciñal coa celebración do Corpus Christi en distintas parroquias e a XVIII Festa do Peregrino na parroquia de Hospital.

No caso do Corpus Christi, unha das celebracións máis significativas do calendario católico, a xornada estivo centrada na conmemoración da presenza de Xesucristo na Eucaristía. Na igrexa de San Martiño de Quiroga celebrouse a misa con asistencia de numerosas familias, entre elas dúas nenas do municipio que recibiron a súa primeira comuñón.

Tras o oficio relixioso, saíu a tradicional procesión co Santísimo Sacramento, que percorreu varias rúas do centro urbano realizando paradas en altares florais elaborados polos veciños e veciñas. Estes estiveron situados en puntos como a Casa Consistorial, a praza Maior, a avenida do Caurel e a rúa Real.

A celebración completouse tamén na parroquia de San Clodio, onde se mantivo a tradición das alfombras florais no atrio da igrexa, froito do traballo conxunto de fregueses e colaboradores das parroquias durante os días previos. Este ano, ademais, incluíuse unha referencia simbólica á visita do Papa León XIV a España coa recreación do logotipo oficial da súa viaxe.

Ademais, o sábado a parroquia de Hospital acolleu a XVIII edición da Festa do Peregrino, organizada pola Asociación Cultural San Bartolomé de Hospital. Máis dunha trintena de persoas participaron nun percorrido pola ruta da Encomenda, entre o Castelo dos Novais e o núcleo de Hospital, pasando por Caspedro, San Xulián de Arriba e A Carballeira.

A xornada rematou na igrexa de Hospital cunha misa do peregrino e unha cea de confraternidade no Mesón Ferreiriño, nun ambiente de convivencia e participación comunitaria.

0.12845492362976