Quiroga reparte lentes homologadas para seguir con seguridade a eclipse total de Sol do 12 de agosto

A Oficina de Turismo e o Centro Social de Quiroga entregarán gratuitamente lentes homologadas e dípticos informativos para facilitar a observación segura da eclipse total de Sol prevista para o vindeiro 12 de agosto. O reparto comezará este luns, 3 de agosto.
As lentes que se distribuirán na Oficina de Turismo foron facilitadas pola Presidencia da Deputación Provincial de Lugo, mentres que as que se entregarán na cafetería do Centro Social proceden da área de Vicepresidencia da institución provincial.
Quiroga será un dos municipios desde os que mellor se poderá contemplar este fenómeno astronómico, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Trátase da primeira eclipse total de Sol visible desde a península Ibérica en máis dun século, xa que a última produciuse o 17 de abril de 1912. Segundo a información facilitada polo Concello, non volverá verse outra eclipse solar total desde a península ata o ano 2053.
O municipio contará coa maior duración da totalidade en Galicia. Na zona de Montefurado a escuridade prolongarase durante 40 segundos, mentres que na contorna da Seara alcanzará un minuto e quince segundos.
En Quiroga, a eclipse comezará ás 19.32 horas, momento no que a Lúa empezará a ocultar progresivamente o Sol, reducindo a luminosidade. A máxima totalidade producirase ás 20.28 horas, cando o astro quede completamente cuberto e sexa visible a coroa solar, e o fenómeno rematará ás 21.22 horas.
O Concello recomenda escoller con antelación un lugar axeitado para a observación, tendo en conta que o Sol estará moi baixo no horizonte durante a eclipse e que montañas, edificios ou árbores poden dificultar a súa visión.
Así mesmo, lembra que é imprescindible utilizar lentes de visualización solar homologadas para contemplar o fenómeno con seguridade e evitar mirar directamente ao Sol durante máis dun minuto seguido, mesmo empregando este tipo de protección.