Quiroga reforza a maquinaria para o mantemento e acondicionamento de camiños rurais

RibeiraSacraXa
O Concello vén de recibir un novo tractor grazas a unha achega da Deputación de Lugo, enmarcada nun convenio de colaboración de preto de 124.000 euros
Entrega de nova maquinaria ao Conncello de Quiroga
Entrega de nova maquinaria ao Conncello de Quiroga
27 Nov 2024

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado polo alcalde de Quiroga, José Rivera Castro, e o Tenente de alcalde, Vicente Vizcaíno Parra, supervisou este martes a entrega dun tractor ao municipio quirogués, destinado ao mantemento e acondicionamento de camiños rurais. A adquisición desta maquinaria foi posible grazas a unha achega da Deputación de Lugo, enmarcada nun convenio de colaboración de preto de 124.000 euros que tamén inclúe a implantación da plataforma dixital Aldealista, co fin de potenciar a promoción turística do municipio.

José Tomé Roca subliñou durante a recepción deste vehículo que “será unha ferramenta clave para mellorar a mobilidade e as comunicacións nas zonas rurais do municipio. "Este tractor permitiralle ao Concello de Quiroga contar cun vehículo fundamental para acometer os arranxos das vías rurais, o que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos veciños e a impulsar o desenvolvemento do municipio", afirmou.

Concretamente, a institución provincial destinou 120.000 euros ao Concello para a adquisición deste tractor, “un investimento que servirá para reforzar os recursos dos pequenos municipios, como o de Quiroga, facilitando a execución de tarefas de mantemento en camiños locais, mellorando a mobilidade nas zonas rurais entre as distintas localidades do municipio”, subliñou o mandatario provincial.

Con esta colaboración, a Deputación continúa apostando por mellorar a infraestrutura dos concellos rurais, contribuíndo ao desenvolvemento local e á mellora dos servizos públicos. O Presidente enmarcou esta colaboración “na cooperación, intensa e continua, que mantemos con todos os concellos da provincia, neste caso co de Quiroga, para que poida ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. E lembrou o compromiso do Goberno provincial “para facer que a Deputación funcione como un concello grande que axude ao resto de concellos”.

0.13025999069214