Quiroga reflexiona sobre o dó e as perdas vitais nunha nova sesión de ‘O Faladoiro’

RibeiraSacraXa
O encontro centrouse en como xestionar de xeito saudable as perdas que se producen ao longo da vida, máis alá do pasamento dun ser querido
O Faladoiro Quiroga
Foto: Concello de Quiroga
31 Oct 2026

O pasado 28 de outubro celebrouse unha nova edición de ‘O Faladoiro’, o espazo de encontro veciñal promovido en Quiroga, que nesta ocasión xirou en torno ao dó e ás distintas formas de perda que se poden experimentar ao longo da vida.

A sesión contou coa participación de Paula Santos, educadora social, quen trasladou aos asistentes a idea de que o dó non é unha reacción exclusiva ante a morte dunha persoa achegada, senón unha resposta emocional universal que pode activarse ante calquera perda de peso significativo para quen a vive.

Ao longo do encontro lembrouse que, durante a vida, as persoas poden atravesar numerosas situacións xeradoras de dó: rupturas sentimentais, abortos, procesos migratorios, despidos laborais, deterioro da saúde ou a imposibilidade de continuar adiante con proxectos persoais xa construídos. Segundo se explicou, cada unha destas experiencias supón unha reorganización dos vínculos afectivos e pode alterar a identidade de quen as sofre, poñendo en marcha un proceso de adaptación emocional que, de non ser atendido correctamente, pode derivar en sufrimento prolongado, illamento social, desaxustes emocionais ou mesmo síntomas físicos que acaben afectando á calidade de vida.

A actividade foi organizada conxuntamente pola Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) de Quiroga, co obxectivo de ampliar a mirada sobre as distintas situacións vitais que poden orixinar un proceso de dó, favorecendo así que a veciñanza puidese recoñecer as perdas que xa viviu ou que pode chegar a vivir.

O coloquio estivo moderado por Maite Pérez, concelleira de Igualdade, e Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Servizos Sociais, quen buscaron xerar un ambiente de confianza no que os participantes puidesen recoñecer, expresar e validar as súas propias emocións e perdas. A intención da iniciativa, segundo se trasladou, é promover un dó vivido de xeito saudable que contribúa a mellorar o benestar persoal e reforce unha rede de apoio mutuo entre a veciñanza.

‘O Faladoiro’ defínese como un espazo aberto a toda a veciñanza orientado á socialización, o intercambio de coñecemento e a participación cidadá. Tras unha breve presentación a cargo da persoa convidada, os asistentes teñen a posibilidade de intervir, formular preguntas ou compartir as súas propias vivencias relacionadas co tema tratado.

0.14524102210999